A necesidade do xogo

 

Rúa Catasol, 36
15800 Melide
agxpt@agxpt.gal

 

O SER HUMANO XOGA

O “QUE” É XOGO

O xogo é unha necesidade vital do ser humano, unha actividade indispensable para o desenvolvemento dos nenos e das nenas, a actividade máis importante da infancia, a profesión dos rapaces e rapazas, un medio de aprendizaxe espontánea, un campo de experimentación de hábitos intelectuais, físicos, sociais, morais... Infinidade de autores e autoras teñen tentado chegar a unha definición de xogo que non esquecese ningunha das súas virtualidades, e o labor non pode darse aínda por rematado. Porén, téñense tentado destacar cando menos tres características xerais do xogo. En primeiro lugar, o xogo é libre, espontáneo, e non condicionado por reforzos ou acontecementos externos. En segundo lugar, o xogo produce pracer en si mesmo, sempre á marxe de metas ou obxectivos externos ó propio xogo. Por último, e esta é a terceira grande característica do xogo -certamente determinada pola anterior- na actividade lúdica hai un predominio dos medios sobre os fins, sendo a finalidade do xogo, xogar, simplemente.

O “PORQUE” DO XOGO

Os máis diversos autores teñen tentado explicar, do xeito máis dispar, o porque do xogo, por que o neno e a nena xogan. Para algúns trátase simplemente dun xeito de liberar a enerxía sobrante, mentres outros autores fan fincapé na recreación do mundo adulto a través do xogo, incidindo tamén na necesidade de divertimento e incluso facendo ver que no xogo está tamén reflectida a necesidade dun cambio constante de actividade.

Empezamos a comprender o verdadeiro sentido do xogo, porén, cando escoitamos a opinión de quen enxalza a virtualidade do xogo como vieiro de autoexpresión, como a única maneira, en ocasións, que ten o neno de se expresar, de amosar a súa valía, os seus intereses e as súas experiencias. Os adultos avantaxamos ós máis pequenos na capacidade para utilizar outros vieiros distintos para este fin, como pode ser sinxelamente o traballo e a continua necesidade de superación e de acadar un maior prestixio.

Pero o xogo é explicado tamén desde o punto de vista do home e da muller pequenos. O xogo, visto desde esta referencia, non sería máis que un exercicio preparatorio da vida adulta, un adestramento que, consonte co resto dos animais, leva a cabo o home para prepararse para ser adulto. Débese pensar, para comprendermos esta interpretación, naquel neno que colle a bola de pan que foi encargado de comprar e a converte no volante dun alucinante camión de tres eixos, ou en tantos e tantos casos nos que o xogo reflicte directamente unha actividade das persoas maiores.

Outras teorías tratan de resaltar a grande virtualidade do xogo como vieiro para procurar novas experiencias -e, xa que logo, para recibir nova información- para satisfacer a curiosidade ou, no caso da psicanálise, como mecanismo de evasión e de diagnóstico dos problemas cotiáns.

O “PARA QUE” DO XOGO

Sintetizando a esencia do xogo, é doado articular un pequeno esquema sobre a utilidade do xogo nos diferentes campos do desenvolvemento do ser humano, ou, o que é o mesmo, de sabermos o para que do xogo. No campo físico, obvio é dicir que todos os xogos -e, loxicamente, algún tipo deles en particular- contribúen dun xeito absolutamente decisivo á evolución harmónica do corpo do neno e da nena. No campo moral, o xogo permite a interiorización de valores e normas tales como a solidariedade, o traballo en equipo ou a sinceridade.

No terreo intelectual o xogo permite, dun xeito parello á evolución física, o enriquecemento da capacidade do neno. Elementos tales como a imaxinación, a inventiva ou a memoria están sendo postos en acción decote sobre todo con certo tipo de xogos. En estreita relación, e no mundo estritamente educativo, o xogo ofrécenos un medio de observación do neno e da nena absolutamente natural, máis fiable que outros ambientes como pode ser a propia aula, ofrecéndonos tamén un instrumento para provocar a interiorización das regras, dos valores morais máis diversos ou de vocabulario novo, só por poñer tres exemplos.

Por último, o xogo ten un valor cultural innegable, pois permite achegar ao neno e á nena á cultura do seu pobo.